A voltas co paro

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Novo mes e peche do anterior. O ciclo dos trinta días aproximados volve virar coa mesma rutina. Por sorte, ou por desgraza, segundo o caso, segundo as circunstancias especiais de cada persoa, cada familia, cada microcosmos.

E como non, volta a facer contas. Do mes, da luz, dos aforros... do paro. De novo, cadaquén as súas segundo lle vaia na feira.

O caso é que sempre estamos a contar o número de desempregados que soben ou baixan. As cifras bailan. Mais móvense pouco, para arriba e para abaixo, certo, que hai de todos os sentidos, pero moi pouco.

Iso é algo que me inquieta. E debera preocupar moitísimo aos dirixentes.

Non estamos ben. Non gozamos de boa saúde.

Queda xente que está pasando fame, frío, penurias... Soidade. Porque neses casos, aínda con algo de axuda, sénteste só. Ante os problemas, ante a incerteza, ante o que pode pasar mañá, ou pasado, ou para o outro... Hai quen é capaz de sorrir, agochar a dor... mais o medo está aí, apreixando.

Non podemos simplificar a vida das persoas a unha cifra que baila cada fin de mes. Non podemos enchernos a boca con logros (ou incluso fracasos). Detrás dos números hai xente, vidas, problemas, sacrificios... moitos sacrificios. Traballos mal pagados, nóminas ficticias, devolucións en b, horas extras que non se contabilizan...

Miremos máis aló da letra impresa do contrato. Miremos que di, que pon, que se cumpre. Miremos os ollos desta realidade que ten que mellorar.

Miremos con ollos de Nadal, a ver se lle damos volta á situación.